Friday 03 de May de 2024

A Xunta entregoulles aos seus adxudicatarios as chaves de 17 vivendas de promoción pública no concello de Ortigueira


O IGVS investiu máis de 1,3 millóns de euros nestas vivendas

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde de Ortigueira, Juan Vicente Penabad, realizaron esta mañá a entrega aos seus adxudicatarios das chaves de 17 vivendas de promoción pública situadas na actual estrada xeral do concello.
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, investiu nestas vivendas de promoción pública máis de 1,3 millóns de euros (1.355.000 euros).
Os adxudicatarios dos pisos entregados hoxe acceden aos mesmos en réxime de alugueiro, cunha renda mensual que oscila entre 53,72 e 105,53 euros, incluído rocho e garaxe.
17 vivendas en réxime de alugueiro
O edificio está composto por unha planta soto dedicada a garaxe e rochos, unha planta baixa que conta tamén con garaxe, acceso as vivendas e dous locais comerciais e tres plantas altas e outra baixo cuberta para as vivendas.
A distribución das 17 vivendas é a seguinte:
– 4 vivendas de 1 dormitorio, cunha superficie de 42 metros cadrados
– 7 vivendas de 2 dormitorios, cunha superficie de aproximadamente 57 metros cadrados
– 6 vivendas de 3 dormitorios, cunha superficie que entre 75 e 80 metros cadrados
Todas as vivendas contan con cociña, sala de estar, lavadoiro, cuarto de baño e corredor, ademais de praza de garaxe numerada e cunha superficie de 25 metros cadrados, e un rocho cunha superficie útil comprendida entre 3,50 e 4,70 m2.
Todas contan con materiais e solucións construtivas de primeira calidade, como son a carpintería interior en madeira acabado de carballo, pavimentos de gres porcelánico e tarima flotante. Instalación de calefacción mediante acumuladores eléctricos, así como cociña vitrocerámica con mobles altos e baixos. A carpintería exterior é de aluminio lacado en cor verde e a cuberta de lousa sobre forxado de formigón.
Por outra banda, hai outras tres vivendas adxudicadas en réxime de compravenda que entregaranse aos seus adxudicatarios unha vez se formalice o préstamo. Os prezos, nestes casos, oscilan entre os 25.000 e os 50.000 euros, incluíndo tamén rocho e garaxe.
Ademais, atópanse en proceso de adxudicación outras catro vivendas que, por falta de solicitantes, quedaron vacantes na primeira adxudicación.